Carta Pastoral na Xornada Mundial por un Traballo Decente
“Sen compromiso non hai traballo decente”
Queridos diocesanos:
Con motivo da Xornada Mundial polo Traballo Decente que se celebra o 7 de outubro lémbrasenos que o traballo humano é unha cuestión primordial na sociedade e esencial para a vida de millóns de persoas. Por iso reivindícase o traballo como dereito e actividade para o coidado das persoas, do ben común e do planeta.
Desde a Iniciativa Igrexa polo Traballo Decente alértase de que a dignidade do traballo e o traballo decente son unha prioridade humana e, por iso, unha urxencia cristiá e un compromiso de toda a Igrexa. O lema “Sen compromiso non hai traballo decente” é unha chamada de atención a impulsar e participar nas accións diocesanas como símbolo de que afrontamos todos una mesma preocupación ineludible e un obxectivo polo que vimos traballando de maneira intensa en comuñón con outras persoas e institucións.
Necesidade de crear emprego
No Manifesto da Xornada faise fincapé en que hai millóns de persoas traballadoras que seguen sen poder acceder a un traballo decente. O alto paro estrutural esixe comprometerse na creación de emprego para garantir o dereito ao traballo. As condicións de traballo seguen sendo de carácter precario para miles de persoas traballadoras, fundamentalmente para as mulleres e a mocidade.
As iniciativas que levan a cabo colocan no eixo da denuncia o traballo precario, facendo referencia ás formas de traballo non permanente, temporal, ocasional, inseguro e continxente. Con esta xornada e outras iniciativas que se materializan durante o ano, está a xurdir no mundo un movemento polo traballo decente. Fixo relación ao concepto de traballo decente en 1999 o director Xeral da OIT, referíndose á necesidade de xerar oportunidades para que todos os homes e todas as mulleres accedan a un emprego en condicións de liberdade, igualdade, seguridade, e dignidade humana. Enténdese por traballo decente o que ofrece posibilidades para que os homes e mulleres poidan desempeñar un traballo produtivo en condicións de liberdade, equidade, seguridade e dignidade humana, no que os dereitos son protexidos, contando con remuneración axeitada e protección social.
A dignidade do traballo
Sen compromiso non hai traballo decente por iso a iniciativa “Igrexa polo Traballo Decente” considere que é urxente abordar esta situación e centrar as súas reflexións, as súas dinámicas na promoción da dignidade do traballo. Lembremos o compromiso da Conferencia Episcopal Española, a través da súa Pastoral do Traballo, para facer crecer este camiño sinodal polo traballo decente.
A realidade actual está a visibilizar as consecuencias dun modelo produtivo incapaz de xerar emprego cun gran valor engadido e marcado polas altas taxas de precariedade laboral, segundo se denuncia no Manifesto da Xornada. Constátase que se manteñen condicións laborais tan precarias que unhas veces rozan a vulneración de dereitos e outras fan imposible o sostemento da vida.
As entidades convocantes apoian a proposta do papa Francisco de estudar a redución da xornada laboral, sen que iso redunde en baixada salarial, como medida de creación de traballo decente. Consideran que debe aflorar o traballo que se desenvolve no ámbito dos coidados e converterse xa en traballo decente. Ademais, mentres non se garanta o dereito a un traballo decente, necesítase articular redes de solidariedade máis áxiles e accesibles que permitan asegurar, fronte ao descarte e a exclusión, un mínimo imprescindible para a vida digna.
Saúdavos con afecto e bendí no Señor,
+Julián Barrio Barrio
Arcebispo de Santiago de Compostela