¿Ensinanza relixiosa na educación? Si
Benqueridos pais e alumnos:
Nestes momentos nos que se pretende reformar o sistema educativo, queremos facervos chegar unha chamada para comprometernos en acadar unha educación de alta calidade que responda as auténticas necesidades formativas da persoa.
Pero esta educación non se acadará plenamente se, como algúns pretenden, se suprime nela a formación relixiosa. É esta unha dimensión fundamental que non pode estar allea á escola.
É un dereito que tedes vós, pais e alumnos, e que todo goberno debe garantir. Así recoñéceno as leis e así realízase en toda Europa.
A vós, pais, pedimos que solicitedes a ensinanza relixiosa para os vosos fillos. Aportaralles un mellor coñecemento da mensaxe cristiá e proporcionaralles unha educación nos valores do evanxeo para crecer como persoas e como cristiáns.
A vós, alumnos, tamén vos animamos a que solicitedes a ensinanza relixiosa. Enriqueceravos cultural, humana e espiritualmente.
Na clase de relixión traballaredes todos xuntos para compartir ideas e opinións para un mellor coñecemento do mundo de hoxe e da relixión católica, dialogar con outras culturas e relixións e traballar polos valores da verdade, da paz e da solidariedade.
Que o Señor vos axude a todos os que colaborades por unha mellor formación dos nenos e mozos. Esa será a mellor semente de esperanza para mirar, serea e responsablemente, de cara ó futuro.
Bendicímosvos.
Os Bispos de Galicia.
A ENSINANZA RELIXIOSA FORMA PARTE DUNHA EDUCACIÓN INTEGRAL
Así se define a educación nas leis educativas:
“A educación terá por obxecto o pleno desenvolvemento da personalidade dos alumnos mediante unha educación integral e de calidade”.
¿Pode unha educación de calidade prescindir ou suprimir a dimensión relixiosa que forma parte da persoa? NON.
“A educación ten como fin a formación na pluralidade cultural de España”
¿Pode unha educación de calidade prescindir ou suprimir a relixión tan presente na nosa cultura galega? NON.
“Na educación transmítense os valores que fan posible a vida en sociedade”
¿Pode unha educación de calidade prescindir ou suprimir os valores presentes na relixión católica? NON.
Polo tanto,
Pedide a Ensinanza Relixiosa se queredes unha educación integral e de calidade para os vosos fillos.
A ENSINANZA RELIXIOSA É UN DEREITO FUNDAMENTAL DOS PAIS. ESTÁ GARANTIDA POLAS LEIS.
“Os pais terán o dereito preferente de escoller o tipo de educación que haberá de darse ós seus fillos”. (Dereitos humanos, art. 26,3).
“Os poderes públicos garantirán o dereito que asiste os pais para que os seus fillos reciban a formación relixiosa e moral que estea de acordo coas súas conviccións”. (Constitución Española, Art. 27,3).
“Dereito dos pais de garantir a educación e a ensinanza dos seus fillos de acordo ás súas conviccións relixiosas, filosóficas e pedagóxicas”. (Const. Europea, Parte II, Título II, art. 11).
“No sistema educativo incluirase a relixión católica en tódolos centros de educación, en condicións equiparables ás demais disciplinas fundamentais”. (Acordos Igrexa-Estado, art. II).
Este dereito recoñécese en tódalas leis educativas.
Así está presente en tódolos países de Europa.
Pedide Ensinanza Relixiosa para os vosos fillos. É o voso dereito.
A ENSINANZA RELIXIOSA ANUNCIA A MENSAXE CRISTIÁ
A Igrexa ten unha misión: “Ide e anunciade o Evanxeo a tódolos pobos”.
A Igrexa valora a Ensinanza Relixiosa como unha forma importante de cumplir esa tarefa.
A finalidade da Ensinanza Relixiosa é:
1.- Anunciar a Persoa de Xesucristo e a súa Palabra salvadora.
2.- Promover o desenvolvemento de tódalas dimensións e capacidades da persoa, tamén a relixiosa.
3.- Coñecer o sentido e os valores da nosa cultura galega conformada por crenzas, costumes, festas e modos de vida que non se poden entender sen ter en conta a relixión cristiá.
4.- Proporcionar criterios, valores e actitudes, desde o evanxeo, que configuren a súa personalidade e a súa inserción na sociedade.
5.- Presentar a mensaxe cristiá que faga posible a síntese entre a relixión e os demais saberes para ter unha visión cristiá da persoa, da historia e do mundo.
6.- Coñecer as distintas crenzas relixiosas e aprender a dialogar con elas desde a comprensión e o respecto.
Pedide Ensinanza Relixiosa se queredes que os vosos fillos coñezan mellor a súa relixión.
ACLARACIÓNS
DISE: “Se o Estado é laico non debe haber relixión na escola”.
RESPOSTA: “O Estado é non confesional. Non confesa ningunha relixión, mais dege respectar tódalas relixións presentes na sociedade. Non pode impoñer a “non relixión”.
DISE: “A Ensinanza Relixiosa é un adoutrinamento ideolóxico”.
RESPOSTA: A Relixión non se impón. Fai unha oferta de crenzas e valores pero de forma libre para quen queira aceptalos.
DISE: “A relixión é obligatoria”.
RESPOSTA: Non é certo. É optativa. Os centros ofertan e os pais deciden se a queren ou non.
DISE: “Deben estar presentes tódalas relixións”.
RESPOSTA: Xa están. Hai oferta de relixión católica, evanxélica e islámica.
DISE: “Na escola avalíase a fe”.
RESPOSTA: Non é certo. Na escola só se avalían os coñecementos e o espírito de traballo. A fe e a vivencia cristiá son cousa da parroquia.
Non vos deixedes confundir por estas opinións. Pedide Ensinanza Relixiosa para os vosos fillos.