Medidas de prevención nas parroquias en relación á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na área Sanitaria da Coruña
Como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19, sobre todo na Área Sanitaria da Coruña, a Delegación de Medios de Comunicación do Arcebispado de Santiago quere subliñar e lembrar a normativa que debe rexer nestes lugares, respectando as disposicións establecidas pola Xunta de Galicia e publicadas no DOG do venres 7 de agosto de 2020.
Limitacións de capacidade e medidas de prevención específicas por sectores aplicables nas parroquias dos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros.
Velorios e enterros
- Os velorios poderán realizarse en todo tipo de instalacións, públicas ou privadas, debidamente habilitadas, cun límite máximo, en cada momento, de vinte e cinco persoas en espazos ao aire libre ou de dez persoas en espazos pechados, sexan ou non conviventes.
- A participación na comitiva para o enterramento ou despedida para cremación da persoa falecida restrínxese a un máximo de vinte e cinco persoas, entre familiares e achegados, ademais, de ser o caso, do ministro de culto ou persoa asimilada da confesión respectiva para a práctica dos ritos funerarios de despedida do defunto.
Lugares de culto
- A asistencia a lugares de culto non poderá superar o cincuenta por cento da súa capacidade. A capacidade máxima deberá publicarse en lugar visible do espazo destinado ao culto.
- Non se poderá utilizar o exterior dos edificios nin a vía pública para a celebración de actos de culto.
Cerimonias nupciais e outras celebracións relixiosas
No caso de que estas cerimonias ou celebracións se leven a cabo en lugares de culto, deberán aplicarse as regras de capacidade e as medidas de hixiene e prevención na celebración de actos de culto relixioso recollidas especificamente nesta orde e, no que sexa compatible co disposto nela, no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na redacción vixente. Deberanse evitar, en calquera caso, as aglomeracións á entrada e saída dos lugares de culto.
Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2020