Conscientes do momento histórico que atravesamos por mor da covid-19, neste número da Barca de Santiago queremos achegarnos a ese “monotema” que nos afectou nos últimos meses, ás diversas maneiras de vivir e  afrontar esta nova realidade ou nova normalidade e albiscar a nova etapa pastoral que, dalgún xeito, tamén terá que verse renovada.

Porque esta situación removeu as nosas vidas e, posiblemente, a nosa maneira de situarnos diante da realidade, tamén no plano pastoral. A principal pregunta que nos facemos moitos sería… “¿E agora, que?” “¿Como afrontamos estas novas circunstancias?”

Primeiro, toca botar unha ollada atrás e ter un recordo para as persoas que perderon a vida ou sufriron a enfermidade e tamén para as súas familias. Tamén cómpre agradecer o labor desinteresado de tantas persoas que se solidarizaron cos máis desfavorecidos, a través de Cáritas e doutras institucións. Sen esquecer a oración calada que tantas persoas elevaban ao noso Pai Creador no recollemento das súas casas.

Entre todos formamos esa Igrexa peregrina que non estaba oculta senón presente doutra maneira e unida en comuñón. “E agora, que?” Transfigurar as nosas vidas, recordando a nosa fraxilidade e, coma crentes, reformular a nova evanxelización, que necesita de persoas de verdadeira fe, presentes no mundo para dar testemuño de Cristo Resucitado coa súa vida. Facelo presente na Comunidade unida que anuncia, celebra e se compromete nesta nova normalidade. Aquí e agora temos que seguir construíndo o reino de Deus.

Xuntos, temos que dar cabida a tódalas realidades que xurdiron e xorden para levar a Vida e a Palabra de Xesucristo aos homes e ás mulleres de boa vontade que a queiran acoller no seu corazón. Non queremos esquecernos de Don Xesús, o noso Bispo auxiliar ata hai pouco, e desexámoslle que sexa un bo pastor fiel e solícito na súa nova diocese de Astorga.

 

http://www.barcadesantiago.es/wp-content/uploads/2020/08/Barca39.pdf